Thursday 25 de April de 2024

Concello e Deputación coordinarán axudas por un importe de 1,2 millóns de euros dirixidas á hostalaría e ao comercio


Ambas as administracións abren unha nova liña que se suma aos máis de 13,2 millóns de euros que o Goberno local destina a persoas autónomas e pemes a través do PRESCO.

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que a Deputación da Coruña reforzará con 1,2 millóns de euros ao Plan de Reactivación Económica e Social (PRESCO) para ampliar as axudas existentes destinadas ao sector da hostalaría e do comercio. Un reforzo económico que a alcaldesa lle agradeceu ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, con quen mantivo unha reunión de traballo esta mañá en María Pita, en que tamén estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage. Rey cualificou a achega da Deputación de “moi significativa e moi necesaria nun momento en que as novas restricións sanitarias poñen de novo o foco en sectores xa moi golpeados como o sector da hostalaría con este peche que se inicia esta noite e que durará un mes”. Un sector, dixo, que sufriu as consecuencias do peche durante o confinamento e que agora máis que nunca reclama o apoio das administracións públicas “que lonxe de discutir sobre as medidas debemos poñernos a traballar da man para axudar aos sectores que peor o están pasando”. Neste senso, Rey lembrou que o seu Goberno local foi o primeiro en habilitar axudas directas ás persoas autónomas dos sectores do comercio e a hostalaría, que poden chegar aos 6.000 euros por persoa. “Fomos a primeira administración en responder e a primeira administración en pagar”, recalcou.

A rexedora recriminoulle á Xunta a súa tardanza de oito meses para en anunciar as súas medidas que fixo públicas onte e “que nos celebramos, pero que celebraremos aínda máis cando sexan efectivas”. Neste momento, dixo, unha persoa autónoma pode acceder a través do PRESCO a 12.000 euros (6.000 de axudas directas e 6.000 de bonos desconto). Axudas que se están a pagar desde o mes outubro e que foron solicitadas por máis de 3.837 persoas. Un plan, subliñou a alcaldesa que se reforza coa achega da Deputación, “unha administración que amosa unha vez máis que se pon a disposición da cidadanía e que fai políticas efectivas e reais ao lado das persoas que máis o necesitan e coa que seguiremos traballando”. Rey tamén lembrou a intención do Goberno local de ampliar con máis de 2 millóns de euros as axudas. Para iso, confía en contar co apoio de todas as forzas políticas como aconteceu no mes de xullo cando se puxo en marcha o primeiro PRESCO.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín Formoso, quixo destacar o feito de que con estas axudas a Deputación e os concellos están dando respostas a unha demanda social e económica urxente desde administracións que non teñen competencias na materia dando evidentes mostras de responsabilidade e “sen esconderanse ante os problemas”. O presidente do organismo provincial valorou o esforzo que está facendo o concello a través do PRESCO “que en tempo récord foi capaz de liderar unha resposta administrativa e institucional dirixida á hostalaría e o comercio”.
Formoso explicou que a lei lles permite realizar actuacións excepcionais en materia de apoio ás cidades. “E creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai materializar na Coruña e tamén en Ferrol e Santiago”, dixo.
Tamén fixo un chamamento á Xunta para acadar unha maior coordinación na concesión de das axudas e poder así darlle á cidadanía unha resposta práctica as súas situacións. Para iso, expuxo a necesidade de pór en marcha un Foro técnico en que as administracións coordinen as axudas para que sexan máis efectivas.

NOVO PRESCO
Doutra banda, o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, confirmou a intención do executivo local de reforzar o actual PRESCO, tal e como se anunciou onte durante o pleno. Neste senso, Lage agradeceulle ao PP e BNG a súa boa disposición a apoiar un modificativo de crédito que confía se poida levar a acabo o antes posible. O Goberno local, subliñou, intentará acadar un consenso con todas as forzas políticas na posta en marcha dun segundo PRESCO.
Por iso agarda que ninguén faga unha política “de regate corto” e que se poñan por diante os intereses da cidadanía para “combatermos a pandemia do coronavirus e axudarmos aos sectores económicos máis afectados; estamos diante dunha crise económica profunda que necesita respostas”.
Tamén reivindicou a proposta do presidente da Deputación á Xunta para “poñer os recursos de todas as administracións nunha mesma dirección” e destacou que “están moi ben os anuncios, pero polo de agora só o Concello da Coruña e a Deputación son os que están dando os pasos necesarios para axudarlle a que máis o necesita”. Lage quixo agradecerlle á Deputación a súa implicación no PRESCO cunha achega “totalmente excepcional”. “Todas as axudas que podemos habilitar desde o concello dirixidas á hostalaría e comercios as estamos habilitando”, dixo o voceiro, quen lembrou que o concello eximiu aos establecementos de hostalaría de pagar as taxas municipais.